InicioM.ambiente e PatrimonioMariña Patrimonio reclama á Xunta a catalogación de dúas mámoas descubertas en...

Mariña Patrimonio reclama á Xunta a catalogación de dúas mámoas descubertas en Xove

Unha delas, no lugar de Corveira, ten 20 metros de diámetro e uns dous metros de alto; a outra está no lugar de Labradela

Publicada o

- Advertisement -

O colectivo Mariña Patrimonio acaba de solicitarlle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a catalogación e protección de dúas novas mámoas, que foron descubertas na parroquia de Rigueira, no municipio lucense de Xove.

A localización de ambas por parte de Mariña Patrimonio foi posible grazas á información facilitada “por un profesor da zona”.

Concretamente, a mámoa localizada no lugar de Corveira, con 20 metros de diámetro e uns dous metros de alto, é “unha das máis monumentais da Mariña”, e o seu descubrimento foi posible ao quedar á vista parte “da coraza pétrea que cobre a mámoa” por unha plantación de eucaliptos realizada recientemente.

“Os citados labores forestais afectaron especialmente a parte superior da mámoa onde, a pesar de todo, se aprecia claramente o cono de violación“, sinala o colectivo. Trátase dunha mámoa situada moi preto da de Guilán, outro monumento megalítico “excepcional”, localizado por Mariña Patrimonio en 2017.

Por outra banda, tamén foi localizado no lugar de Labradela o túmulo de Modia de Lamoso, unha mámoa de 14 metros de diámetro que tamén está afectada por unha plantación de eucaliptos.

O COLECTIVO DENUNCIA UN “BOICOT PUERIL” DE PATRIMONIO

“Debido a que nos últimos tres anos a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (DPXC) non atende as solicitudes presentadas por Mariña Patrimonio, son moitos os bens patrimoniais que quedan fóra do Catálogo e, polo tanto, desprotexidos. Por este motivo, a asociación achegou ao Concello de Xove outra solicitude para que inste á DXPC a catalogar e protexer estes dous novos monumentos megalíticos aparecidos no seu concello”, indican desde a asociación.

“Excepcionalmente a mámoa de Guilán, descuberta por Mariña Patrimonio en 2017, figura no Catálogo de Bens Patrimoniais grazas a que nese momento a asociación decidiu presentar a solicitude a través doutra persoa. Porén, non correron a mesma sorte outros seis bens patrimoniais descubertos no mesmo ano e cuxas solicitudes asinou Mariña Patrimonio. Por iso, espera que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural remate co seu pueril boicot contra a citada asociación e cumpra coa súa obriga de catalogar e protexer o patrimonio”, finaliza o colectivo, que a semana pasada informou da existencia de dous monumentos megalíticos no municipio de Barreiros.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...